viernes, 17 de febrero de 2012

CORTAR O PELO E ASÍ


Se non fose persoa gostaríame ser obxecto inciso-cortante. Non me pregunten por qué: non lles podo responder coma persoa. Se fose obxecto inciso-cortante de seguro sabería a resposta, pero non podería falar para ofrecela. Está claro que hai preguntas que vanse quedar para vestir santos.
Sei de certo que o párrafo anterior non resiste un exame coa lupa da lóxica, polo que fagan o favor de non pasarlla. Grazas.
Sí creo saber de onde ven a miña querencia polos obxectos inciso-cortantes. Eu sonvos de cabelo mesto e abondoso e teño que visitar ao barbeiro a lo menos unha vez ao mes. Elas teñen a regla e eu teño que ir cortar o pelo, visto así tampouco está tan mal. Sentarte nun sillón xiratorio para que anden arredor cunhas tesouras e unha navalla é toda unha proba para os nervios. De feito, cando me toca cortar o pelo adoito non probar o café.
Por sorte, gústame o fútbol. Se eres de ir unha vez ao mes ao barbeiro e che gusta o fútbol, tes a vida arranxada. Vas alí e arranxas a Liga, a Champions e a Copa do Rei. A min os que me dan peniña son os miñaxoias que non gustan do fútbol e/ou padecen bulimia. Unha hora, cando menos, alí sentado falando sobre vaiáse saber qué e/ou sen poder comer nadiña.
Unha cousa que sempre fan os perruqueiros cando rematan co teu pelo, que anda o pobre ciscado polo chan, moribundo e sen dono, é vir cun espello nas mans para que vexas como quedaches por detrás. E qué vas facer se non che gusta? Valo pegar con Loctite?. Vaites.
O certo é que non imaxino moi ben, bueno, non imaxino nadiña, cómo sería a miña vida coma obxecto inciso-cortante. Pero sí que me proe bastante saber que tería unha personalidade fría e, iso, cortante. E incisiva, claro. Sabería cortar polo san e ao mellor atar partir o bacallao. E eun non me cortaría nunca: alí onde estivese saberíase ben quen eu son. Ou quen sería, porque supoño que sería diferente. Se cadra sería unhas tesouras ou unha navalla de barbear e traballaría nunha perruquería de homes e cortaríalle o pelo unha vez ao mes a algún babeco coma min que falase de fútbol coma se o acabase de inventar hai dez minutos. Un paspán que viría da casa sen a dose diaria de café, por se acaso, e quen, se cadra, se non fose persoa, talvez anceiase ser planta de xardín.